Afonso Daniel Rodríguez Castelao

Castelao nun retrato de Pacheco

Retrato de Afonso Daniel Rodríguez Castelao realizado por Pacheco cara os anos 20 (Arquivo Pacheco, Concello de Vigo)

Nado en Rianxo o 30 de xaneiro do 1886, no seo dunha familia mariñeira. Seu pai enriqueceu na emigración: instalara na Pampa unha especie de taberna que axiña se converteu nun importante centro comercial. Naquelas terras arxentinas viviu Castelao dos dez aos catorce anos; a vida da Pampa e da emigración deixaron fonda pegada no rapaz, que habería de reflectilas en máis dunha ocasión na súa obra. De volta en Galiza, estuda o bacharelato e logo a carreira de Medicina en Compostela, comezando a ser popular polas caricaturas de profesores e compañeiros. Licenciado no 1908, cursa en Madrid o doutorado, presentándose á I Exposición de Humoristas e obtendo un grande éxito. Regresa a Rianxo a exerce-la medicina, e alí participa na política municipal, seguindo a seu pai que era daquela alcalde e líder do conservadurismo local. Casou no 1912 e deixou a medicina (“fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade“) para ingresar por oposición no Instituto Xeográfico e Estatístico. Destinado en Pontevedra, tamén exerceu o profesorado como axudante de cátedra de Debuxo no Instituto desta cidade.

Nos anos de efervescencia do agrarismo, Castelao achégase ao movemento galeguista e nel participa activamente coas Irmandades da Fala, ao tempo que expón debuxos, dá conferencias e colabora na prensa da época. Vencellado ao grupo intelectual de Ourense, asume a dirección artística da revista Nós dende a súa fundación no 1920. No 1922 publica a súa primeira obra narrativa: Un ollo de vidro. No 1926, o primeiro libro de Cousas, e ese mesmo ano é elixido membro da Real Academia Galega. No 1927 vese afectado fondamente pola morte do seu único fillo e fai unha viaxe a Francia para estudar os cruceiros bretóns, que deu coma froito o libro As cruces de pedra na Bretaña, publicado no 1930.

Coa proclamación da II República, Castelao, nas filas do Partido Galeguista, é elixido deputado pola provincia de Pontevedra e nas Cortes Constituíntes fai unha apaixonada defensa da lingua galega. Participa activamente na vida política, especialmente a prol da consecución do Estatuto de Autonomía para Galiza. Do 1934 ao 1935 foi desterrado a Badajoz. Logo da aprobación por plebiscito do Estatuto de Autonomía, o inicio da Guerra Civil sorpréndeo en Madrid, onde se atopaba en calidade de deputado para entregarlle ao presidente das Cortes o texto do Estatuto. Reside en Madrid, Valencia e Barcelona, acompañando ao Goberno da República nos seus desprazamentos. No 1938 viaxa a Moscova, onde expón as coleccións de debuxos que amosan estampas da guerra. En Nova Iorque tamén expón e nesa cidade publica a colección Milicianos, con debuxos sobre o mesmo tema. Viaxa logo a Cuba e finalmente establece a súa residencia en Bos Aires, onde funda, con outros exiliados, a revista Galeuzca. No ano 1946 é nomeado ministro do goberno da República no exilio. Morreu en Boas Aires o 7 de xaneiro do 1950 e foi soterrado no panteón do Centro Galego. No 1984 os seus restos foron trasladados a Galiza.